O inimigo coñece o sistema, Marta Peirano (Kalandraka)

Quen está detrás do ciberespazo? Quen nos vixía? Coma nas distopías 1984, de George Orwell, e Un mundo feliz, de Aldous Huxley, a capacidade de control do ser humano é altamente imperceptible pero non por iso deixa de ser probable.  A xornalista Marta Peirano, especializada en tecnoloxías e dereitos e liberdades na rede, elabora o que debería ser considerada a biblia do navegante, un caderno de bitácora imprescindible para coñecer as implicacións que teñen os movementos dos internautas e a mercadotecnia que xorde ao seu redor, de forma paralela, co manexo dos seus datos. Son empresas tecnolóxicas, consultoras políticas, especialistas do big data, grandes peixes que venden e mercan información dos usuarios, moitas das veces, con fins ocultos e nada éticos.

Desde o seu nacemento na década dos oitenta no departamento de Defensa dos EEUU, internet converteuse nunha ferramenta fundamental do poder debido a súa capacidade de control e dominio sobre outros territorios. E como ben explica a autora na súa reflexión final, as infraestruturas do poder non están deseñadas para axudarnos nunha crise, senón para xestionarnos. As ferramentas do poder nunca van servir para desartellalo.

Existen empresas que organizan aos internautas en canto a seres susceptibles de consumo, ou mesmo manipulan determinadas mensaxes para fomentar estímulos nos usuarios capaces de orientarse cara unha determinada opción política, e así poder gañar unhas eleccións. Hai expertos e profesionais dedicados a creación das chamadas fake news. E é que, ás veces, a realidade supera á ficción.

Marta Peirano propón unha interesante viaxe pola escuridade da rede, polos seus baleiros lexislativos e pola falta de protección dos usuarios ante a grande manipulación que supón formar parte deste gran irmán. Aporta datos rigorosos, investigacións xornalísticas e experimentos sociolóxicos para alertar dos perigos que se agochan baixo un simple clic, o ton de voz dunha chamada ou a rede de contactos que ten un usuario. Algoritmos que van ser utilizados nas estatísticas para tomar decisións estratéxicas.

Convén levar protección antibalas. Coñecer como funciona o sistema é a mellor maneira de facelo. Un manual de uso para todo internauta.

“A capacidade de atención do peixe é de nove segundos, namentres que, neste preciso instante, a do humano medio é de oito. No ano 2000, a nosa capacidade de focalizar a atención nunha soa cousa era de doce segundos, pero entregámonos a un duro adestramento para baixar esa marca. A nosa paciencia é tan escasa que o 40% dos usuarios abandona unha páxina web se tarda máis de tres segundos en cargar.”

“É un reality show infinito, producido por algoritmos, do que non podes desengancharte sen perder o tren. Para estar ao dia, necesitas erguerte cedo, deitarte tarde, consumir cafeína, anfetaminas, cocaína, nootrópicos. Drogas que xa non serven para divertir, senón para traballar. Precisas aplicacións que che axuden a sabelo todo, a pillalas no aire, a xestionar o día mediante listas, a facer ioga na casa, a meditar na fotocopiadora ou a prender no sono. A capacidade de estar ao dia non é unha habilidade, senón unha virtude moral, un dos sete hábitos das personas de éxito.”

“Unha investigación do New York Times revelou que había ducias de empresas de mercadotecnia especializadas en localización que extraían datos de até douscentos millóns de móbiles a partir de distintas aplicacións nos Estados Unidos, para despois vender a información, analizala para os seus propios anunciantes ou as dúas cousas. Os tres principais compradores son outras empresas tecnolóxicas, corretores de datos e consultoras políticas.”

“Dentro de pouco vai ser imposible mercar tecnoloxías que non escoiten o que facemos na nosa casa, vehículo ou oficina, todo o que acontece ao seu redor, e que non envíen todo tipo de datos ás mesmas cinco compañías, sen que nós poidamos saber para que os usan nin durante canto tempo nin con quen máis. Como non temos acceso ao seu código, temos que buscar os lugares onde se manifestan os seus obxectivos, como a oficina de patentes. Google presentou patentes para determinar o estado mental e físico do usuario mediante datos de micrófono, coma o volumen da voz, o ritmo da respiración ou o son de choros. Amazon patentou un algoritmo que analiza a voz en tempo real, na procura de palabras e de expresións que indiquen preferencia, interese ou rexeitamento por calquera cousa que se poida transformar en produtos ou servizos.”

“As plataformas dixitais son un medio de masas distinto da radio e da televisión, porque poden elixir a súa audiencia. Hai corenta anos, un político tiña que convencer toda unha nación cunha soa mensaxe, namentres que, na actualidade, pode falarlles ao oído a millóns de personas e bisbarlle a cada unha delas unha cousa distinta. A mensaxe non se emite a través dun terminal xenérico, senón pola mesma canle pola que chegan as mensaxes familiares, persoais e privadas de cada usuario por separado. Deste xeito, pódeselle dicir a cada grupo xusto o que quere oír sen que os demais o saiban.”

9788416721559

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: